lunes, 7 de febrero de 2022

MIÑA ALDEA GALEGA

 Miña aldea galega
que aturulabas leda,
hoxe disme cansadiña
que che vai pesando a soidade.

Non hai quen traballe as leiras
nin quen faga troula nin festa,
que a túa paisaxe  queda caladiña
agardando asubíos de irmandade.

Miña aldea galega
semente e froito da terra,
hoxe respiras morriña
por quenes foron buscando oportunidade.

Non fumegan as lareiras
e ninguén dorme a sesta,
somente fala algunha fontiña
con regatos cheos de oscuridade.

Miña aldea galega
cantas bágoas che quedan,
por alentos da xentiña
que non olla a túa claridade.

Miña aldea galega
latexo das miñas veas,
por ti a poesía miña
coa esperanza de nova felicidade.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega
Taboada a 6 de febreiro de 2022.

No hay comentarios:

Publicar un comentario