lunes, 24 de octubre de 2022

NAI

Muller fermosa que me trouxeche a vida,
que fas de tripas corazón sen que cho pida,
ti, valente ata na escuridade fria,
grazas nai por tanto que me acariñas.

Apertas e bicos que tan ben enfías
para tecerme o traxe de cada día,
onde non permites que se agoche a mentira.

Muller fermosa chea de sabedoría,
que sementas para que o mundo viva,
tí, xoia prezada que eterna respiras,
grazas nai por deixarme que che escriba.

Letras e sentires que sorrin e camiñan,
para que as bágoas non deixen ferida
e cada alento, sexa a túa voz que diga
orgullosa contigo miña amada filla.

Grazas nai, latexo da alma miña,
honrada contigo nai querida.

Muller de antes con tenrura vestida.
Muller de agora con paz tendida.
Muller de mañá con estrela que brilla.
Muller de muller con sangue compartida.

Grazas nai, latexo da alma miña,
honrada contigo nai querida.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega.
Taboada a 23 de Outono do 2022.

P.D...o próximo día 25 miña nai fai 80 anos e iste poema vai por ela, tamén por miña sogra que ten 89 e para homenaxe a cada muller nai, especialnente as arxentinas que o domingo 16 de Outubro celebraron o Dia da Nai en Arxentina. Apertas.


lunes, 17 de octubre de 2022

NO DIA DA MULLER RURAL..15.10.2022


Muller fermosa vestida de etiqueta,
fermosa muller tamén cun delantal,
no teu día todo ben che queda
sobre todo cando tí es fundamental.

Muller rural,
alma natural,
alento vital, 
corazón real
e camiño leal.

Muller rural,
orgullo de fogar,
honra con amar
e forza para estar.

Muller rural, por ti, por vós
luz e andar.
Muller rural, por mín, por nós
sorrir e chorar.

Nun mundo que leva o teu nome
sempre a túa voz se oe.

Muller fermosa que arranxas calquer desfeita,
fermosa muller  para unha vida exemplar,
no teu día e sempre, ben ergueita,
porque ti es fonte elemental.

Muller rural,
alma natural,
alento vital,
corazón real
e camiño leal.

Muller rural,
orgullo de fogar,
honra con amar,
e forza para estar.
Grazas por formar parte do meu latexar.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega.
Taboada a 16 de Outono do 2022.

lunes, 10 de octubre de 2022

NON


Non quites alma miña
estas ás para voar,
que clavache nun só día
e non quero arrincar.

Non apages mente miña
a luz de cada soñar,
que nunha noite algo fría
encendeche no meu ollar.

Non danes vida miña
esta ilusión para forxar,
cunha certeira ledicia
que ceibe deixo viaxar.

Non peches boca miña
o sorriso nin o falar,
que sempre con humildade
dou co sinxelo abrazar.

Non negues sangue miña
tódolos alentos para bicar,
deixa que sexan camiño
onde o corazón semente amar.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega.
Taboada a 9 de Outono do 2022.

lunes, 3 de octubre de 2022

A TI QUE SABES DE MORRIÑA


A ti, que estás lonxe da terra
van apertas sinxelas,
para agarimarte nesas horas
onde a luz non crarea leda.

A ti, que estás lonxe da terra
van tamén estas verbas,
con alentos para risas ou se choras
na compaña destas ondas.

A ti, que estás lonxe da terra
atesourando amor e lendas,
lembra que moito te quere ela
e non desexa verte con fendas.

A tí, que estás lonxe da terra
que tes latexos nas estrelas,
esta gandeira galega
diche que fermosa realidade teñas.

A tí que sabes de morriña
Galicia, aínda lonxe, aloumínate.
A vida está en ti.
En tí que estás lonxe da terra,
que tanto sabes de morriña,
respira un camiño importante
que esperta cada día moi axiña
dándoche máis do que leva.

Non o dubides,
a tí, que estás lonxe da terra
non dubides que estás ó carón dela.
A vida está en tí.....
.....que tanto sabes de morriña.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega.
Taboada a 2 de Outono do 2022.