martes, 15 de noviembre de 2022

NUNCA MÁIS, PREZADO MAR.


Ondas que veñen e van,
agarimo de bágoas entre areas
e no peito navegan
lembranzas tenras.

Soben as ondas e baixan,
con latexos de morriña medran
e no peito navegan
moitos medos da terra.

Risadas envoltas nas redes
cando de peixe están cheas
e no peito navegan
horas que se fan eternas 

As veces o mar, o fermoso mar
deixa feridas mas veas,
e outras, otras a mar, a nosa mar
trae tristura nas mans baleiras.

Baleiras porque afundiu,
baleiras porque esnaquizou,
baleiras porque afogou,
baleiras porque o chapapote escapou.

Ondas que veñen e van
nunca máis choredes pedras,
porque con peito navegan
homes e mulleres mariñeiras.

Soben as ondas e baixan
con alento de valor legan,
tantos peitos que navegan
coa compaña dende as leiras.

As veces o mar, o fermoso mar
é unha man de apertas,
outras a mar, a nosa mar
un feixe de mans desertas.

Desertas porque afundiu,
desertas porque esnaquizou,
desertas porque afogou,
desertas porque o chapapote escapou.

Nunca máis, prezado mar,
nunca máis baleiras,
nunca máis desertas,
nunca máis prezada mar
tristura nas máns.

En homenaxe a tódas as persoas que tras 20 anos do desastre do Prestige...
       .....siguen navegando......
 (no mar, na terra, no ceo e nos     corazóns do mundo enteiro)♡☆

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega
Taboada a 13 de Novembro do 2022.

No hay comentarios:

Publicar un comentario