Por ser muller dígoche:
no mesmo traballo
o mesmo salario,
e se queres respeto
que latexe no peito.
Penso que non fan falla máis verbas
para que a igualdade teña cabeza,
nin para que a felicidade
latexe nos corazóns.
Moitas mulleres traballaron arreo por uns dereitos,
custou moito visibilizarnos como mulleres, como femias,
non foi somente por papeis senón por valor que se leva dentro,
que levamos dentro cada unha amosando saber e respeto.
Respeto por unha e despois en cada paso,
ese respeto que fixo e fai que as portas poidan ter nome de muller,
sinto especial orgullo por aquelas que se levantaron unha e outra vez despois de caer,
por aquelas que fixeron bonito fogar despois de ser escravas de fogares alleos,
por aquelas que tendo marcas visibles e invisibles por abusos, alumaron camiños sen dubidar.
Sinto orgullo e honra por tantas, sobre todo por as mulleres das aldeas,
esas mulleres do rural que somente saben as que pasaron, porque as pasaron, como as pasaron e para que as pasaron.
Mulleres que tiveron que facer de nai, filla, avoa, tía, prima, irmá, mestra, médica, cociñeira ou milleiros de cousas máis.
Mulleres que facian ó mesmo tempo de home sempre coa cabeza alta.
Canto orgullo sinto de vos !
Canta honra me facedes sentir !
Porque non fai falla berrar para que alguén escoite,
e así, coma devanando, vaise tecendo o mellor abrigo.
Abrigo que visten as mulleres que xamais deixaron de sorrir,
as mulleres que nunca deixan de sorrir.
ELAS, ó fin son sempre o principio de todo,
de todos, de todas.
GRAZAS MULLERES.
Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega
Taboada a 3 de Xullo de 2022.
No hay comentarios:
Publicar un comentario