martes, 21 de febrero de 2023

ENTROIDO


 Tempo de don carnal

onde amosamos un don,

algo do noso ser

que as veces non ten corazón.

 

Estamos no Entroido

momento de gran troula,

onde cada lembranza

semella pouca cousa.

 

A xente co seu bailar

con vestimentas e cor,

percorre as rúas

desfilando ilusión.

 

Estamos no Entroido

toda Galicia é troula,

e no mundo tamén soa

ledicia corda e ledicia louca.

 

Dinos o don carnal

no tempo de Entroido,

que dende século secular

importa a vida moito.

 

Estamos no Entroido,

Viva o noso lugar,

e que se manteña vivo

cada latexar de don carnal.

 

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega

En Taboada a 19 de Febreiro do 2023.

XXXI FESTA DO CALDO DE ÓSOS. DOMINGO DE ENTROIDO.

 

viernes, 17 de febrero de 2023

NA DISTANCIA


O son da túa voz
dalle cor ao meu camiño,
baixo a manta das estrelas
que debuxan o destino.
As caricias son un mundo
que cobixa o meu sentido,
onde a luz das velas
escribe cada suspiro.

Na distancia
unha canción escóitase pola radio,
facendo bailar os latexos 
que contigo gardo.
Na distancia
tódalas verbas son ise abrazo
co que soña corpo e mente
sendo alentos no mesmp espazo.

A calor das túas verbas
trae alento sempre vivo,
para vestir fogares de seda
con valor e amor divino.
O reloxo ten un segundo
que acende as follas dun libro,
onde non existen penas
somente, lembranza cun sorriso.

Na distancia
unha canción escóitase pola radio,
facendo bailar os latexos
que contigo gardo.
Na distancia
tódalas verbas son ise abrazo,
co que soña corpo e mente
sendo alentos...no mesmo espazo.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega
En Taboada a 12 de Febreiro do 2023
Dia da Radio.

domingo, 5 de febrero de 2023

FEITOS NOSOS

Foi pasando o tempo
de tantos e de tantas
con desigual pensamento
e coas mesmas olladas
postas no firmamento,
desta Galicia tan nosa
desta Galicia fermosa.
Fermosa por paisaxe,
por patrimonio e coraxe,
por quen loitou cada viaxe
e por feitos nosos
que nas estrelas son andaxe.
Quedou gravado cada momento
de tantos e de tantas,
máns xunguidas en sentimento
e valentía nas súas pegadas,
que son fel testamento
nesta Galicia tan nosa
nesta Galicia Grandiosa.
Grandiosa por familia,
por unha cultura viva,
por latexos alén de cada ría
e por feitos nosos
que dende o rural son sabedoría.
Foi pasando o tempo
quedando gravado cada momento.

(Na memoria de Castelao no 137 aniversario do seu nacemento o 29 de Xaneiro en San Domingos de Bonaval)

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega
En Taboada a 5 de Xaneiro do 2023.

martes, 31 de enero de 2023

SEMPRE CONTIGO FILLO


Como calquera nai
intento con devoción
coidarte, mimarte e axudarche,
vivindo con medo
por todo aquilo que poida pasarche.

Sabes que dalgún xeito
estou sempre contigo fillo.

Como boa amiga
intento con ilusión
divertirte, animarte e comprenderte,
dándoche o meu valor
cando poidan chegar a mancarte.

Como sangue de muller
intento con admiración
ensinarche, demostrarche e regalarche
auténtica emoción
para respetar a quen saiba amarte.

Sabes que dalgún xeito
estou sempre contigo fillo.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega
En Taboada a 29 de Xaneiro do 2023.

jueves, 26 de enero de 2023

CIVILIZACIÓN


Chámannos civilización
e non somos nada civilizados,
somos esa especie humana
que de humanidade non ten nada.

As veces, din que somos animais
e así deixamos constancia
do noso insulto á intelixencia deles.

Queremos somente vivir
e matámonos por prestixio
vai ti ver cal!!!!
Bailamos e loitamos por ter moitos cartos.
Desexamos un mundo mellor
e acabamos con este tan vivo,
claro, outro non hai!!!!
Desstrozamos canto temos.

Vergoña me da, ver.  
Medo me da, oir.
Tristura me da, decir.
Dor me da, sentir.

Máis...no fondo sei
que hai buracos de esperanza,
e neles, sei que aínda hai persoas.
Grazas.

Ana Vila Portomeñe. Poeta Labrega.
En Taboada a 22 de Xaneiro do 2023.