Carlos
Núñez gaña o Premio Rosa dos Ventos 2015
|
A distinción que outorga anualmente o alumnado de 5.º curso de
Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires quedou nas mans do músico
Carlos Núñez.
Nunha vindeira
visita á Arxentina, o prestixioso artista recibirá o recoñecemento nunha
cerimonia que se desenvolverá no centro educativo e estará organizada polos
mesmos rapaces que o escolleron.
Bos Aires, 17 de setembro de 2015 – O músico Carlos Núñez, autor de discos como A irmandade das estrelas, Os
amores libres, Mayo longo, Cinema do mar ou Inter-Celtic; colaborador permanente da banda irlandesa The
Cieftains e merecedor de dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos foi recoñecido
co premio “Rosa dos Ventos” que, dende o 2012, entregan anualmente os rapaces e
rapazas de 5.º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires
e que en anteriores ocasións recaeu no director xeral da Editorial Galaxia,
Víctor F. Freixanes (2012), en Luís G. Tosar, presidente do Centro PEN Galicia
(2013) e no escritor e académico Manuel Rivas (2014).
“A figura de Carlos Núñez simboliza o compromiso
na defensa da identidade de Galicia ao longo do mundo e demostra que o noso
patrimonio cultural está vivo, florece e transcende globalmente. El é un
guieiro que acrecenta en nós o respecto pola cultura galega ao demostrar en
cada unha das súas intervencións a súa perenne louzanía”, explicaron os mozos e
mozas.
Ademais, engadiron: “A defensa dos valores
elementais do ser humano, o seu espírito crítico e reflexivo, a súa postura de
defensa activa da lingua galega, a predisposición para atendernos e crer en nós
son principios que valoramos moito”.
O
feito de que Carlos Núñez non se centre exclusivamente na Música Celta ou de
Galicia cunha visión "eurocentrista", senón que dende hai 20 anos estea
sacando do seu acubillo a música da Galicia da diáspora foi tido moi en conta
polos mozos e mozas do Santiago Apóstol á hora de outorgar o premio: “Carlos
entende que Galicia tamén se constrúe dende acó, que Galicia non é unicamente
un recuncho da Península Ibérica, senón que está onde haxa un sentir que desexe
ser partícipe do seu marabilloso encanto”, explicaron os mozos.
Entre
as razóns que se expuxeron á hora de defender a candidatura do músico vigués
tamén estiveron presentes os seus vínculos coa emigración, pois cómpre lembrar
que foi Carlos Núñez quen deu a coñecer ao gran público o gaiteiro galego
arxentino Manuel Dopazo de quen se considera un fervente admirador (“o mellor
gaiteiro da postguerra non estaba en Galicia, senón en Arxentina”), que gravou
en Cuba con The Chieftains, Ry Cooder e os músicos do que pouco despois se
convertiría en Buena Vista Social Club e que, nestes anos, veu tocar á Arxentina
en numerosas ocasións, tanto en Bos Aires como no interior, sempre con salas cheas
e sempre para un público entregado. Na Arxentina, acompañou no escenario a
grandes músicos como León Gieco ou Chango Spasiuk e recibiu o apoio de artistas
da talla de Mercedes Sosa, Quino, Les Luthiers ou o actor galego arxentino, Eduardo
Blanco.
Foi o día 11 de setembro
pasado cando, logo de presentar as diferentes candidaturas, se realizou no
instituto a votación segundo as regras estipuladas nas bases do galardón. O
escrutinio posterior fixou que o alumnado considera merecente do premio “Rosa
dos Ventos 2015” ao recoñecido artista Carlos Núñez.
“A súa inxente creatividade, a constante inquedanza
por explorar novos vieiros no campo da arte musical, a perseveranza inalterable
na defensa das orixes, a xenerosidade que mostra abrindo portas a artistas
noveis... fan que nos sintamos orgullosos de homenaxealo con este humilde
premio”, expuxeron os rapaces para argumentar a súa decisión.
A comezos do ano 2012, o
alumnado de 5º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires
presentou á Delegación arxentina da Fundación Galicia América unha proposta
anovadora e que o órgano xestor do centro educativo aprobou e apoiou atendendo
aos baseamentos que tal proxecto ten.
Aquela proposición consistía
na creación dun premio anual para homenaxear a un home ou muller que, sen formar
parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade
fundacional do Instituto Santiago Apóstol. Ademais, esixíase do premiado que
mostre compromiso co labor pedagóxico realizado no centro e contribúa na
divulgación das actividades que se realizan apoiando as múltiples iniciativas
que dende esta beira do Atlántico se presentan.
Deste xeito, nacía o premio
“Rosa dos Ventos” coa firme intención de recoñecer humildemente o esforzo das
personalidades que desinteresadamente acompañan á escola e reflicten os valores
democráticos que o Santiago Apóstol defende.
Así, en todos os ciclos
lectivos a partir daquel, o alumnado maior da institución (5.º curso de Bacharelato)
propón de xeito individual os/as candidatos/as que consideren merecentes de ser
homenaxeados e fundamenta as razóns para tal escolla. Unha vez designadas as
candidaturas, realízase unha votación interna con voto secreto entre os alumnos
e alumnas que compoñen o curso, a cal designa a persoa galardoada dese ano.
Instituto Santiago Apóstol
Instituto Santiago Apóstol
O Instituto Santiago Apóstol
de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai máis dunha década e media un traballo
continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais
galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia
territorial.
Este centro educativo,
xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires),
desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis Inicial, Primario e Secundario
e traballa co obxectivo
primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento
fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra
das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión,
reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en
todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os
novos tempos son alicerces innegociables da institución educativa, piares
básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.
Fonte: Instituto Santiago Apóstol (www.santiagoapostol.edu.ar)
Carlos Núñez está
considerado internacionalmente como un músico extraordinario, dos máis serios e
brillantes do mundo. É o grande embaixador da música galega, vendeu máis dun
millón de discos e fai unha media de 100 concertos ao ano en países como os
Estados Unidos, Canadá, Xapón, Francia, Alemaña, México, Brasil, Arxentina,
Uruguai... e, por suposto, España. Carlos colaborou con artistas da talla dos
Chieftains, Ry Cooder, Ryuichi Sakamoto, Laurie Anderson, Jackson Browne,
Montserrat Caballé, Joan Manuel Serrat, Luz Casal ou mesmo Julio Iglesias, quen
este ano o convidou aos seus dous shows no Albert Hall de Londres. Asemade,
tocou con orquestras noutros teatros como o Carnegie Hall de Nova York ou,
tamén este 2015, no Musikverein de Viena, sede dos famosos concertos de
Aninovo, o que supón un fito, xa que é o primeiro gaiteiro da historia en tocar
neses 3 míticos teatros. Ademais, colaborou en múltiples bandas sonoras,
nomeadamente na da oscarizada Mar Adentro de Alejandro Amenábar.
Fonte:
www.carlos-nunez.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario