Meu carriño
¡Carriño forte e xeitoso
meu carriño,
arrolador e mimoso
como o berce dun meniño!
¡Meu carriño cantareiro!
¡O de xugo e cabezalla
coa puntiña da navalla
pulidos da miña man!
Sempre ó paso, sempre xuntos
entre estripos, e entre frores,
cantemos nosos amores
sin sair do noso chan!
¡Meu amor de carreteiro!
¡Meu carriño!
¡O do eixo de ameneiro
e os canisos de sanguiño!
Lévame, meu carro, leva
pola meiga terra nosa
que a miña alma saudosa
lonxe dela non se afai.
¡Lévame por onde escoite
a fala doce e sentida
entre bicos deprendida
no colo de miña nai!
¡Roda polos nosos eidos!
Anque hai lama no camiño
¡é túa terra, meu carriño
e a terra de meus abós!
¡Non collas pra chan alleo!
¡Non me leves a Castela
que non quero nada dela
xa que arrenegou de nós!
¡Bermello, leva coidado
co carriño,
que pode caír tumbado
no goyo dun tremesiño!
Canta, meu carriño, canta
a redención esquencida
o dor da Terra ferida
de traidores e ladróns.
¡A alma galega dorme,
a santa Ideia está morta,
e tés de ir porta por porta
encendendo ós corazóns!
Berra por vilas e aldeas
que hai que vingal-a inxusticia
dos que teñen a Galicia
axugada cun cansil.
¡E dille ós irmáns que atopes
que nas mans dun home enteiro
o estadullo carreteiro
non lle ten medo ó fusil!
¡Marelo, tira con xeito
e a modiño,
que hai que andar moi ó dereito
co eixo do meu
carriño!
Oxe corredoira abaixo,
mañán corredoira arriba,
mentras ti dures e eu viva
teremos un camiñar.
E cando ti xa apodrezas
e eu dé o laio derradeiro,
¡que fagan do teu chedeiro
a caixa pra me enterrar!
¡O de eixo de ameneiro
e os canisos de sanguiño!
¡Meu amor de carreteiro!
¡Meu carriño cantareiro!
¡Meu carriño!
Ramón Cabanillas
No hay comentarios:
Publicar un comentario