A portavoz de
Emigración do Grupo Popular, Paula Prado, subliñou que “é unha
reivindicación expresa e reiterada polo Consello de Comunidades
Galegas e lamentou que non conte co apoio da oposición
O
PARLAMENTO GALEGO APROBA A LEI DA GALEGUIDADE, “UN IMPULSO Á
PROXECCIÓN EXTERIOR DA ECONOMÍA GALEGA, Á UNIÓN DE CENTROS E AO
IMPULSO DO PAPEL DA MULLER E A XUVENTUDE”
- O Grupo Popular amosou no trámite parlamentario “flexibilidade naqueles aspectos que teñen que ver co espírito desta lei: regular o dereito das comunidades e entidades galegas no exterior para manter os seus tradicionais lazos sociais e culturais con Galicia e abrir este abano aos dereitos de carácter económico”, afirmou
Santiago, 11 de xuño
de 2013.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei da Galeguidade,
que “supón un impulso á proxección exterior da economía galega,
á unión de centros e ao impulso do papel da muller e a xuventude”,
manifestou a portavoz de Emigración do Grupo Popular, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado subliñou que “esta reforma é unha
reivindicación expresa e reiterada polo Consello de Comunidades
Galegas” e lamentou que a pesar de estar “consensuado cos seus
beneficiarios non conte co apoio unánime dos grupos parlamentarios”.
Paula Prado recordou que
a lei contou coa aprobación do pleno do Consello de Comunidades
Galegas celebrado en Bos Aires en 2003, un acordo que foi ratificado
hai menos dun ano no seo do X Consello de Comunidades Galegas no
Exterior celebrado no verán de 2012 en Galicia. “Trátase dunha
reivindicación histórica, que renova un texto lexislativo de hai
máis de 30 anos que evolucionou do mesmo xeito que a cidadanía
galega no exterior e incorpora conceptos como economía e
organizacións empresariais”, sinalou.
TEXTO CONSENSUADO COAS
COMUNIDADES GALEGAS
“Lamentamos que un
proxecto de lei consensuado cos seus beneficiarios non conte co apoio
unánime deste Parlamento”, sinalou a portavoz popular, quen
apuntou que “os grupos que votaron negativamente deberán explicar
ás comunidades galegas e aos galegos residentes no exterior os
motivos da súa decisión”.
Prado manifestou que
“desde o Grupo Popular amosamos no trámite parlamentario
flexibilidade naqueles aspectos que teñen que ver co espírito desta
lei: regular o dereito das comunidades e entidades galegas no
exterior para manter os seus tradicionais lazos sociais e culturais
con Galicia e abrir este abano aos dereitos de carácter económico”.
DEFENSA DA GALEGUIDADE
Porén, referíndose ao
Grupo Socialista, criticou que “queira cambiar o espírito desta
norma para facer unha lei de cidadanía galega no exterior, que non
outorga un dereito a máis dos xa recoñecidos na Lei do Estatuto da
Cidadanía Española no Exterior nin conta co apoio dunha soa
comunidade galega no mundo”.
“Sos quedan tamén os
grupos de AGE e BNG, que reflectiron nas emendas presentadas os
intereses e visión dunha soa entidade galega cuxo texto, ademais,
foi rexeitado no X Consello de Comunidades Galegas polo conxunto das
entidades galegas”, sinalou a portavoz popular.
Para rematar, Prado
reiterou que o Grupo Popular “defendeu sempre a comunidade galega
no exterior, mentres que os grupos da oposición viñeron a presentar
emendas que nada teñen que ver co obxecto desta lei e pedindo algo
que xa existe”. “Están en contra das comunidades galegas e dos
galegos e galegas que están no exterior”, anotou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario