lunes, 7 de enero de 2013

LECTURA DEL 6-01-2013

DERRADEIRO DISCURSO DE CASTELAO

Amigos e irmás:
Eu conservaba un testamento antigo, escrito en galego, no que o testador
declaraba estar san de corpo e de alma, sen ningunha door física, que lle
quitase o entendimento e o xuicio. Non é que agora lembre aquíl testamento,
porque queira deixar fe da miña vontade para que dispóis de morto non haxa
contenda sobor dos meus bens, pois nin teño fortuna nin penso que a miña
enfermedade sexa mortal. Eu non podo morrer agora, porque ainda teño moito que
facer, e a miña vontade de vivir val tanto ou máis que as meiciñas dos médicos.
Non; eu lembro aquel testamento porque son escravo d-unha door física que dende
fai máis de catro meses non me permite coordinar ben as ideias. Non podo, pois,
escrebir un mensaxe diño da hora presente. Aseguro que nunca na miña vida tiven
tanto que decir e tantos desexos de decilo; pero non podo ordear a materia que
dentro de mín rebule. E tempo chegará para falar como é debido.
Os meus discursos no día do Estatuto foron sempre crónicas e xuicios daquelo
que máis preocupaba á nosa coleitividade. Hoxe o meu discurso sería
extenso, e duro de roer para certos monifates. Falaría do republicanismo
desterrado de Hespaña, xa caído na máis torpe rutina doutrinaria, que non soupo
manter en vilo, a causa máis sensible do noso tempo. Falaría dos partidos
políticos restaurados no desterro, que sóio sirven para armar líos. Falaría do
goberno hespañol que agoniza en París e dos gobernos autónomos que andan por
atallos perigosos. Falaría do convenio socialista-monárquico, que non sóio
delata o impudor de certos xerifaltes do socialismo, senón que vai complicando e
corrompendo ao esquerdismo hestórico de Hespaña. Falaría, inclusive, do Comité
Federalista Hespañol, que preside Madariaga e o seu elenco de malos cómicos.
Falaría extensamente dos varios criterios que reinan no interior de Hespaña e
nas espranzas que moitos poñen ainda no talento de Prieto. Falaría da
mentalidade dos novos emigrantes galegos, que veñen a enriquecerse cos métodos
correntes en Hespaña. Falaría da emigración dos xurelos, con tanto respeto como
falaría da emigración dos galegos de hoxe en día. Pero, a miña atención
deteríase principalmente, nos varios acaecimentos que padeceu, e sigue padecendo
a coleitividade galega de Bós Aires. De todo esto falarei cando me repoña da
enfermedade que agora me ten postrado e xuro que non me coutará ningunha
consideración, pois estou no segredo das maniobras, e coñezo ben aos alacráns
que as dirixen. O ataque vai contra o galeguismo orgaizado da nosa coleitividade
i en beneficio dos franquistas e monárquicos, que nas Américas soñan con volver
a reinar. Esta é unha verdade que non tardará en ser demostrada. E conste que se
ataca o galeguismo porque se quer matar o republicanismo.
Ningún home de ben negará que os galeguistas sacrificamos moitas veces o
noso galeguismo en aras do republicanismo; pero ocurre que os republicáns
específicos non erguen a súa voz para recoñecelo. Esto quer decir que os
republicanos específicos carecen de sentido político, porque o día que o
galeguismo da nosa coleitividade desaparecese, desaparecería o mellor baluarte
do republicanismo en América. Podo decir, ademáis, que o día que o noso
movimento galeguista e republicán se quebrante, ese día sairán da escuridade os
falanxistas hespañoes, porque os republicáns a secas teñen menos coraxe para
defender a República que os galeguistas. Velahí por qué eu, no día de hoxe,
denuncio como traidores a cantos sementan a discordia na nosa coleitividade,
inxuriando e calumniando ao galeguismo, co único obxeto de servir aos nemigos da
República democrática e liberal.

O resto do descurso segue con letra de Prada…

O ataque contra o galeguismo organizado é un ataque dirixido contra o
republicanismo se algúns galeguistas por libre caen nesa tentación non fan máis
que servir ao falanximos nemigo de Galiza.
Que se me perdoe que non sexa máis eistenso, pero deixo esí mañifestado, moi
apretadamente as razós básicas da iñorme importanza que ten o galeguismo
orgaizado, non somentes para defender os dereitos de Galiza, senón para defender
tamén as esencias do republicanismo, que non poden ser outras que a democracia e
a liberdade.
Por riba da desagradable crónica e da dura crítica que eu podía facer hoxe
da aitualidade, queda, non embargantes, a miña espranza no bó sentido galego, e
quero deixar testimoño no tempo dos nosos ideaes, que non se limitan ao
conquerimento d-un simple Estatuto otorgado graciosamente polo Estado Hepañol,
senon d-unha Autonomía integral para Galiza dentro d-unha Confederación Hispana.
Dende o meu leito de enfermo envío, n-iste día memorable, afervoados
saúdos a tudol-os patriotas galegos

No hay comentarios:

Publicar un comentario